Antes de comezar...
As medidas en CSS empréganse, entre outras, para definir a altura, anchura e marxes dos elementos e para establecer o tamaño de letra do texto. Todas as medidas se indican como un valor numérico enteiro ou decimal seguido dunha unidade de medida (sen ningún espazo en branco entre o número e a unidade de medida). Así, por exemplo:
10cm
10pt
10px
CSS divide as unidades de medida en dous grupos: absolutas e relativas.
- As medidas relativas definen o seu valor en relación con outra medida, polo que para obter o seu valor real, se debe realizar algunha operación co valor indicado.
- As unidades absolutas establecen de forma completa o valor dunha medida, polo que o seu valor real é directamente o valor indicado.
Se o valor é 0, a unidade de medida é opcional.
Se o valor é distinto a 0 e non se indica ningunha unidade, a medida ignórase completamente, o que adoita ser un dos erros máis habituais dos deseñadores que empezan con CSS.
Algunhas propiedades permiten indicar medidas negativas, aínda que habitualmente os seus valores son positivos.